Thursday 02 de May de 2024

Neda instalará un baipás para subministrar directamente á poboación auga potable de Ferrol en caso de seca ou emerxencia


As obras levaranse a cabo este mércores e implicarán cortes, entre as 9 e as 12 horas, no abastecemento aos lugares de San Isidro, Os Pazos e Combarro

O Concello de Neda levará a cabo este mércores unha obra estratéxica para a mellora do abastecemento de auga no municipio. Trátase dun baipás que, en momento de seca ou no caso dunha emerxencia, permitiría, con só manipular dúas válvulas, subministrar auga á localidade directamente dende Ferrol, sen necesidade de bombeala, como ata agora, ata a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) dos Pazos. A actuación requirirá a interrupción mañá, entre as 9 e as 12 horas, do subministro nos lugares de Os Pazos, San Isidro e Combarro.

Na actualidade, o municipio dispón dunha toma de auga en alta dende Ferrol, que serve de reforzo nas épocas de seca nas que a ETAP non pode “producir” a totalidade de auga que demanda a poboación local. Explican dende Viaqua que, coas instalacións actuais, esa auga xa potabilizada e que, por tanto, cumpre todos os parámetros de subministro entra no mesmo depósito que a procedente da Canle da Mariña (río Belelle) e sofre, ao igual que esta, un novo proceso de depuración como se fora auga non depurada.

As obras que se realizarán este mércores permitirán a conexión mediante unha tubería de fundición de 250 mm da saída do depósito dos Pazos coa canalización de auga tratada procedente de Ferrol que xa existe.

A mellora, cun orzamento que rolda os 9.000 euros, permitirá non só aforrar os custos de enerxía derivados do bombeo dunha auga xa limpa á potabilizadora, manter o subministro á poboación no caso de que xurdira nalgún momento unn problema na propia ETAP dos Pazos.